A Concellería de Medio Ambiente de Vigo informa que por motivo dunha previsión climatolóxica moi adversa para este domingo 10 de maio decídese suspender a Ruta pola Serra da Groba entre Baiona e Oia.
A decisión tómase tras avaliar a información meteorolóxica dispoñible, que coa entrada da borrasca apunta a precipitacións continuadas ao longo da xornada, incremento do vento nas horas centrais do día (rachas de ata 30km/h) e unha elevada probabilidade de empeoramento das condicións en zonas altas e expostas da serra. Cómpre ter en conta que a Serra da Groba é especialmente sensible ás condicións adversas, con zonas abertas ao vento e tramos nos que a choiva incrementa notablemente o risco de esvaróns, perda de visibilidade e dificultade de progresión do grupo.
Trasládase a realización desta ruta ao domingo 14 de xuño, mantendo a inscrición realizada e previa confirmación.
