Na ruta do vindeiro domingo, comezamos o noso periplo
polo baixo Miño, que nos levará en tres etapas dende os montes da comarca da
Paradanta ata o mesmo Océano Atlántico.
A primeira destas etapas comeza na vila da Cañiza, a 565 metros de
altitude, xunto o cumio do monte Vieiro.
Dende aquí temos unha ampla visión das Serras do Suído e do Faro de
Avión, que conforman o extremo Sur da Dorsal galega. Poderemos divisar tamén os montes e serras do
país veciño, mais aló do val do Miño.
Case de contado comezamos a baixar (ver entrada do blog do 15-09-14), a medida que nos imos
encamiñando ata o val do río Oulo, río tributario do Deva, que baixa da Serra
encaixado nun canón, cheo de pozas e pequenas fervenzas.
Canón do Oulo.
Seguimos camiñando para abandonar o val do Oulo e pasar ó
do Deva. Dende aquí collemos o PRG-165
Sendeiro das fragas e levadas do Deva e o Calvo. Este é un sendeiro feito polos vaciños de
Parada de Hachas, de 24 kilómetros, que percorre as ribeiras e as fragas de
estes dous ríos e o val de Parada.
Levada no val do Oulo.
O percorrido destaca polos seus valores naturais,
paisaxísticos e etnográficos. Entre os
principais valores naturais destacan as fermosas e extensas fragas que aínda
conservan as ribeiras do río Deva. Son
fragas extensas e pouco transformadas pola man do home, nas que destaca a
riqueza da súa flora e fauna. Nestes
bosques podemos atopar unha grande variedade de árbores, como amieiros,
salgueiros, abeleiras e freixos na primeira liña, xunto o cauce do río. Mais alonxados da auga dominan os carballos,
pradairos, castiñeiros, estripeiros, e un longo etcétera de árbores e arbustos. A diferenza entre as fragas e matogueiras da
parte alta do Oulo e o Monte vieiro e o final da ruta xunto ó río Miño é moi
salientable, e danos unha idea da grande biodiversidade desta comarca.
Fraga nas ribeiras do río Deva.
Os valores culturais e etnográficos son tamén moi
destacables, as mostras da arquitectura tradicional son constantes, destacan as
pontes como a de Taín, os numerosos muíños, corredoiras, as levadas, que son
pequenas canles que levan auga dende o monte ata as leiras e prados de zonas
baixas. Un dos elementos mais curiosos
son as poldras. As poldras son sinxelos
pasos para vadear os ríos, formados por pedras dispostas a un paso de distancia
unhas das outras.
Na zona aínda podemos ver tramos de antigos camiños
medievais empedrados, como o camiño dos defuntos e o da Raíña, que vai ata a
Franqueira.
Seguindo o Deva chegamos ó lugar de a Lomba, onde faremos
a parada para xantar. Tras descansar e
repoñer forzas, retomamos camiño para subir ata o Coto da Moura. No Alto da Moura podemos ver varios
petroglifos, que testemuñan a presenza humana nesta estratéxica zona dende a
prehistoria.
O tramo final do percorrido é de baixada, dende o alto da
Moura, descendemos cara o Miño, atravesando viñas e piñeirais, ata chegar ao
Pazo de Moreira ou do Marqués de Vizhoja, enclavado no medio dos viñedos desta coñecida adega.
Vistas de Portugal dende o Coto da
Moura.